sexta-feira, dezembro 30, 2005

Entrevista a Xan Carvallo no semanário A Nosa Terra


A Nosa Terra
Periódico Galego Semanal
Dezembro 2005


Entrevista a Xan Carballo

“O Vietnam conseguiu crear riqueza
sen renunciar á súa esencia socialista”

Xan Carballo é vicepresidente da Asociación de Amizade Galiza-Viêt Nam e visitou o país asiático no pasado setembro para asistir á conmemoración do 60º aniversario da proclamación da República Popular. A asociación tamén celebra esta data en Galiza. O 17 de decembro estará na Galería Sargadelos da Coruña o escritor Bao Ninh, un dos máis famosos autores vietnamitas, autor de A dor da guerra .

Como xurdiu a idea de crear unha asociación de amizade entre Galiza e o Vietnam?

Para moitos galegos, o Vietnam ten capital importancia na nosa formación persoal e política. Medramos admirando o exemplo de resistencia do pobo vietnamita, que foi capaz de vencer o imperialismo norteamericano e defender a súa soberanía a pesar de sufrir unha guerra moi cruenta. Este modelo de loita influíu tanto en nós, que daquela militabamos en organizacións clandestinas, que incluso a nosa ruta por estrada secreta entre Santiago e Vigo se chamaba “Ruta Ho Chi Minh”. Xa no 1968 eu e moitos dos que estamos nesta asociación fundamos a Unión Galiza-Vietnam, que chegou a editar uns cantos boletíns de solidariedade e información sobre a guerra. No 2004, para conmemorar a vitoria de Dien-Bien-Phu, organizamos esta asociación, que serve de agradecemento aos vietnamitas e de canle de cooperación entre ambas as nacións.

Este mes conmemoraron o 60º aniversario da proclamación da República Popular. Que outras propostas están a preparar?

O ano que vén queremos traer de novo a Galiza o embaixador do Vietnam en España e poñelo en contacto coa Xunta, para que os gobernos galego e vietnamita aprofunden nas relacións bilaterais, nos intercambios comerciais e na busca de puntos en común que nos unan a pesar da distancia xeográfica existente.

Que lle pode dar o Vietnam a Galiza e que pode recibir?

O Vietnam é un país dinámico, en movemento e modernización constantes con moito que nos ofrecer, xa non só no plano comercial senón tamén no cultural. Os galegos podemos ser útiles na formación en hostalaría, por exemplo, que é unha área que queren desenvolver pero na que están aínda en cueiros.

Vostede coñeceu o Vietnam en setembro. Para os occidentais é un país moi misterioso, en que estado se encontra?

Encontreime cun país en cambio, en crecemento. Hai que pensar que o Vietnam sufriu unha atroz guerra que durou dez anos e deixou terríbeis secuelas. A chegada á “independencia” resultou moi complicada. O país atravesou unha época de miseria e o goberno tivo que cambiar o modelo. A poboación do Vietnam é de 81 millóns de persoas e máis do 75 por cento vive da agricultura. A finais da década do 1980 o Partido Comunista aplicou un sistema de reformas, coñecido como Doi Moi, enfocado a mellorar o nivel de vida da poboación, a permitir que a xente se fixese rica, pero de forma legal.

Un xiro ao capitalismo.

Un xeito intelixente de manter o sistema socialista, de crear un mercado que cree riqueza. Está demostrado que os países con máis diñeiro poden ser máis igualitarios e darlles mellor nivel de vida aos seus cidadáns. O Estado inviste o 25 por cento de todo o que recada en políticas sociais. Nos últimos quince anos reduciuse á metade a mortaldade infantil (que agora está no 30 por mil) e melloran ano a ano as condicións sanitarias. O 94 por cento da poboación está alfabetizada. No plano macroeconómico, o Vietnam conseguiu cumprir o plano das Nacións Unidas contra a pobreza dez anos antes do previsto. O PIB crece un 7 por cento anual, duplicouse a renda per capita e o país deixou de ser un dos maiores importadores do mundo a se converter no segundo exportador de arroz do planeta e manter un comercio activo doutros produtos do agro. Tamén aumentou moito o turismo. No 2003 recibiu 2 millóns de visitantes estranxeiros.